Categorías
Feira Xogantina

Artesanía Silvent

Artesanía Silvent é unha taller obradoiro que se dedica ó deseño e fabricación de xoguetes e xogos de madeira, realizados de forma artesanal. Procuramos que os xoguetes teñan unha boa calidade que os faga resistentes e duradeiros. Tamén nos interesamos polo medio ambiente sendo así un artigo sostible, susceptible de ser arranxado ou renovado en calquera momento.

Os acabados utilizados nos nosos produtos, tanto os vernices coma as cores, son acrílicas para que sexan aptas para uso infantil.

Outra vantaxe e que se poden personalizar.

Ó longo destes anos participamos en diferentes feiras de artesanía e feiras de deseño a nivel internacional (Formex – Estocolmo e London Design Fair – Londres) para dar a coñecer os nosos produtos e tamén mediante as redes sociais e a páxina web.

MÁIS INFORMACIÓN

Artesanía Silvent é un taller obradoiro cuxos inicios no tema da artesanía de xoguetes de madeira foron motivados polo nacemento do noso primeiro fillo. Vendo que algúns dos xoguetes que tiña rompíanse con facilidade, non eran seguros, nin resistentes, decidinme a facer eu mesmo xoguetes de madeira. Dediqueime á carpintería toda a miña vida e, aínda que non me consideraba exactamente un artesán, si coñecía o material e sabía que un xoguete de madeira pode durar toda a vida e se se rompía eu mesmo podería reparalo.

Por que ARTESANIA SILVENT?

Estou orgulloso de contar que o meu bisavó foi José Silvent; máis coñecido por Barriga Verde, xa que este personaxe foi o máis atractivo de cantos concibiu para o seu espectáculo de marionetas de indiscutible aceptación popular. Foi “fundador do guiñol popular galego” na Galicia de mediados do século XX.

José Silvent e os seus fillos foron os animadores dunha das aventuras máis fermosas da cultura galega da nosa época. Nun tempo (anos corenta e cincuenta) en que a cultura galega estaba proscrita, os Silvent idearon un espectáculo en galego que apaixonou á multitude: “¡O Barriga Verde!”

Aínda que ata hai pouco eu non coñecía a miña vea de “artista”, agora que a descubrín quero facer honra ao apelido familiar poñendo o meu pequeno gran de area.

Desde o momento no que realicei o meu primeiro xoguete descubrín que me apaixonaba e pouco a pouco fun dedicándolle máis tempo ata o punto de querer emprender esta viaxe esperando que os meus xoguetes cheguen a moitos fogares e fagan gozar a moitos nenos e nenas e tamén a algún maior…

Cando me propuxen seriamente dedicarme á elaboración de xoguetes de madeira quixen formar parte do gremio de artesáns e tras presentar o meu proxecto no 2016 conseguín a “Carta de Artesán” outorgada pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Dous anos despois decidín dar o gran paso e solicitar o Taller Obradoiro e o selo de Artesanía de Galicia.

CONTACTO

TELÉFONO: 627442836

CORREO ELECTRÓNICO: info@artesaniasilvent.com

GALERÍA