Na Asociación Cultural e Xuvenil ITACA promovemos actividades didácticas e lúdicas para crianzas e mocidade, principalmente: campamentos de verán, rutas de sendeirismo, obradoiros, todo tipo de xogos, noites abertas e lúdicas, celebracións, artes alternativas, intercambios xuvenís… baseándose en metodoloxías e principios propios da educación non formal, como o xogo, o traballo en equipo e a creatividade colectiva.
Avalada por unha experiencia de máis de 30 anos, seguimos a desenvolver desde aquela, e tras varias xeracións, programas de animación sociocultural no tempo libre para a mocidade e a infancia baixo o paraugas duns valores e referencias fundamentais: igualdade, educación, ecoloxismo, cooperación, participación, pacifismo, voluntariado, cultura, tradición, Galiza…
Máis que ofertar servizos ou actividades de lecer, a nosa misión é promover a existencia dun espazo e dun tempo onde persoas (familias, rapazada, mocidade, equipa de educadoras…) poidan reunirse e desenvolver proxectos e ideas colectivamente.
Con base en Santiago de Compostela, Itaca contribúe ao desenvolvemento sociocultural da cidade promovendo unha actitude activa de cara á cidadanía.
ITACA axuda aos mozos e mozas a participar da sociedade civil.
ITACA promove a democracia e o asemblearismo en todas as súas actividades, xestión e organización.
ITACA é un círculo onde calquera persoa ten dereito a falar, escoitar e sentirse incluído.
O local social de ITACA é un espazo de reunión, desenvolvemento, encontro, participación e diversión.
MÁIS INFORMACIÓN
En ITACA empregamos o xogo como ferramenta fundamental en todas as nosas accións, como metodoloxía para promover a participación, como medio para achegar contidos culturais e sociais… Todo o que facemos en ITACA está impregnado de xogo e mesmo temos unha ludoteca no local a disposición dos socios e socias de todas as idades (de 0 a 99 anos).
Deseñamos tamén xogos especiais (“Grandes xogos”, en xerga itaqueira) para actividades especiais: en concreto, no campamento de verán sempre realizamos un Grande xogo dunha xornada ou xornada e media, de descuberta do medio e cultura do lugar de acampada (que cada ano cambia), con roles e misións en función dunha determinada temática. Tamén deseñamos xogos para outros proxectos como o programa de lecer nocturno “Noites alternas”, etc.
CONTACTO
ENDEREZO: Rúa do Pombal, 18-baixo, 15705-Santiago de Compostela, A Coruña.
CORREO ELECTRÓNICO: info@itaca.gal