Categorías
Feira Xogantina

Miudiño S.Coop.Galega

Somos César, Judit, Ambrosio e Diego. Catro persoas apaixonadas quen, con algunhas habilidades, bastantes inquedanzas e moitos soños, decidimos crear Miudiño: cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro, sen xerarquías, en igualdade e con moita, moita versatilidade.

Infancia, natureza e patrimonio cultural galego son a nosa base á hora de idear, crear e ofrecer diversos produtos que promoven un estilo de vida sostible, respectuoso e saudable na sociedade.

Música, espazos de xogo, obradoiros, educación ambiental, patios vivos, xogos, xoguetes e contos son as nosas ferramentas para reivindicar o dereito das nenas e nenos a ser felices e desfrutar da natureza e o xogo libre.

Traballamos artesanalmente, potenciando a naturalidade das materias primas empregadas e mostrando a súa esencia, a súa individualidade, con respecto aos ritmos e o ser de cada elemento.

De vagariño, imos tecendo rede con outros proxectos fermosos sabendo que só mediante a cooperación poderemos loitar por un mundo mellor.

MÁIS INFORMACIÓN

Comezamos a nosa andaina xogueteira coa fabricación e venda do I Catálogo de brinquedo tradicional, baseado na nosa experiencia e no gran Antón Cortizas. Neste primeiro catálogo houbo dous grandes protagonistas: o xoguete de madeira (de puntería, habilidade, equilibrio, desprazamento e xogos de mesa) e os tecidos, coa presentación das bonecas e cabaliños de tea cos que quixemos xogar coa mitoloxía galega. Fabricamos, vendemos e mesmo alugamos, en formato espazo de xogo itinerante por festas, romerías e colexios.

Ao pouco, potenciamos o valor dos elementos naturais non estruturados como fonte infinita de xogo, que plasmamos no espazo de xogo libre Terra. Mais fomos avanzando en coñecemento, e percibimos que o auténtico valor do xoguete radicaba na creación do mesmo por parte dos nenos e nenas. Ofertamos entón Argallando, Obradoiro de creación libre con material natural, no que presentamos un feixe de elementos naturais e ferramenta para crear libremente o que se queira.

E por último apareceu a necesidade de enriquecer mediante elementos en madeira os espazos de xogo dos patios das escolas. Elaboramos así o proxecto “Patios Vivos Miudiño”, que ten por obxectivo a naturalización e creación de espazos de xogo dos patios escolares.

Temos outros proxectos, relacionados ben co xogo coma coa natureza, coma son os espectáculos de Cé Orquestra Pantasma, o grupo de xogo na natureza Familias a monte, a educación ambiental de Diego García e a editorial da cooperativa.

Toda a información sobre o que facemos está na web.

Na nosa tenda virtual.

No blog.

E neste dosier xeral.

CONTACTO

GALERÍA