Categorías
Feira Xogantina

Sistema Lupo

Aprender xogando é o slogan que guía o noso proxecto. Desde a nosa propia experiencia, primeiro como estudantes e despois como docentes, tropezámonos cunha serie de ocos nos sistemas educativos moi estreitamente ligados á sempre difícil relación entre a teoría e a práctica. Xa desde as nosas teses doutorais tratamos de aproximarnos a esta realidade, e sería co inicio da práctica docente e as nosas paternidades e maternidades cando o interese se fixo máis pronunciado.

Os nosos proxectos neste campo permítennos compartir experiencias con profesionais de diferentes campos, todos os promotores de “Learning by doing”. Dentro deste concepto non só incluímos as destrezas manuais, senón que tamén, as sociais. De aí xorde a idea de xerar dinámicas cooperativas como instrumento de cohesión social.

Sistema Lupo é unha ferramenta didáctica baseada nun xogo cuxo fin é proporcionar ao usuario e ao docente mecanismos e dinámicas aptas para unha aprendizaxe lúdica. Partindo da arquitectura, Lupo estende a súa didáctica transversalmente cara as matemáticas, o debuxo, a física, a arte, a historia, a música ou o deseño.

MÁIS INFORMACIÓN

Levamos traballando no programa didáctico anual “Nenoarquitectura”, enfocado a nen@s entre 4 e 15 anos, realizado na Fundación Luís Seoane da Coruña. Mediante o compromiso das familias e os participantes, mantén a súa enerxía ano tras ano. Realízase de forma continua desde 2010 e é unha inmellorable fonte de novas ideas que permitiron evolucionar o Sistema Lupo.

A partir das bases xa suficientemente asentadas durante estes anos, desenvolvemos a rama de Mestra de Obra (proxecto en pdf). Nace debido á gran demanda deste tipo de servizos desde diferentes colectivos, desde centros de formación, pasando por profesorado e mesmo pais, nais e alumnado.

Desde a nosa profesión como arquitectos e educadores, convidamos a diferentes colectivos a que analicen a situación dos seus centros e expoñan medidas e solucións para evitar os seus problemas cotiáns.

A nosa función baséase en dar as pautas para que se realicen as análises correctamente, que vexan que espazos e metodoloxías lles poden funcionar e axudarlles coas nosas ferramentas para crear ambientes que melloren o estado actual dos seus respectivos centros.

Este traballo realizámolo coa axuda e colaboración de diferentes centros e organismos de formación, mediante os cales os interesados teñen a oportunidade de acceder a cursos nos que aprenden prácticas e dinámicas de análise e avaliación.

É un proxecto educativo integral e inclusivo, no que toda a comunidade que pertence e rodea ao centro educativo, traballa no estudo dos espazos que usamos a diario para detectar as súas necesidades e, entre todos, propoñer e levar a cabo as transformacións necesarias.

A participación e colaboración serán fundamentais para que tanto o traballo na aula co obxecto mediador como a elaboración conxunta dunha análise e proxecto, dean como froito a adaptación dos espazos da escola e mesmo a transformación de espazos públicos da súa contorna.

Podes ler mais no seguinte website:

CONTACTO

Sistema Lupo
+34 981225267
info@sistemalupo.com

GALERÍA