A Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos, ARCOsTilos, é unha entidade sen ánimo de lucro do concello de Teo, que ten como un dos seus fins principais a conciliación familiar, laboral e persoal. Baixo ao lema “Tempo para Ti-Lugar para Todas e Todos”, englobamos todos os proxectos socioeducativos, lúdicos e culturais para todos os grupos de idades, a partir dos 3 anos.
Os proxectos pensados para a infancia, tanto as aulas de conciliación familiar como os campamentos urbanos, teñen unha metodoloxía lúdica e coeducativa, sendo os xogos e os xoguetes, doados a gran maioría deles, as ferramentas de aprendizaxe para diversas temáticas como pode ser a educación ambiental, a educación intercultural, a educación para a saúde, a educación artística, etc, sen esquecernos de que as nenas e os nenos teñan tempo para xogar de xeito libre e espontáneo.
O noso día a día na ARCOsTilos xira entorno ao xogo, sempre adaptado as idades das e dos participantes de cada proxecto, sendo este o mellor estímulo para desenvolvemento de habilidades sociais, cognitivas e motoras.
MÁIS INFORMACIÓN
Nos proxectos da entidade colaboran voluntarias e voluntarios do Corpo Europeo da Solidariedade, anteriormente Servizo Europeo de Voluntariado, que fan que as nenas e os nenos coñezan xogos e xoguetes doutros países, ao mesmo tempo as persoas voluntarias coñecen os da nosa cultura, isto propicia un intercambio lúdico que enriquece tanto á entidade como ás persoas participantes dos proxectos.
A entidade constitúese no ano 1992 para dar cabida ás demandas culturais e de lecer das familias da urbanización dos Tilos. Co paso do tempo, foi medrando o número de familias socias que participan nos diferentes proxectos, que agora veñen de máis alá do concello de Teo, o que fixo que a entidade se consolidara como unha opción para poder conciliar a vida persoal e laboral das familias.
O horario de apertura é de luns a venres de 16:00 a 21:15 horas, e durante as vacacións escolares amplía o seu horario dende as 07:30 ata as 15:30 horas, salvo nos meses de xullo e agosto que pecha polas tardes.
CONTACTO
ENDEREZO: R/ Ameneiro, número 8 (baixos parroquiais) 15894 Os Tilos – Teo (A Coruña).
CORREO ELECTRÓNICO: arcostilos@arcostilos.org
TELÉFONOS: 981.819.501 – 673.769.537